DESCUBRIR O MUSEO é o título da nova edición do programa de inclusión Un Museo en Movemento. Este ano faremos un percorrido virtual 360º polos espazos ocultos do Museo de Belas Artes da Coruña para coñecer o traballo que se fai no seu interior
UN MUSEO EN MOVEMENTO é un proxecto educativo destinado a colectivos en risco de exclusión e/ou diversidade funcional, que ven desenvolvéndose dende o ano 2016, grazas a un convenio firmado entre a Asociación de Amigos do Museo de Belas Artes da Coruña e a Fundación EMALCSA, e coordinado polo departamento de educación e divulgación do museo.
Para o presente ano 2021, pensando nas circunstancias sanitarias en que nos atopamos, a Asociación propón unha actividade moi especial, titulada Descubrir o museo, que fará uso da realidade virtual como ferramenta educativa. Se trata de un percorrido virtual e inmersivo polo Museo de Belas Artes, as súas instalacións internas (almacéns, laboratorio de restauración…), así como ás súas coleccións e ás actividades que habitualmente se realizan no seu interior.
Novidade: Utilización dunhas lentes VR standalone (Oculus Quest2) con axuda de un vídeo 360ª. Para iso, produciuse un curto «documental» duns quince minutos de duración, que trata sobre o día a día do museo, ademais de contar coa presenza virtual dos seus propios traballadores.
Obxectivo: As aventuras que o usuario experimente viaxando polos espazos do museo con esta sorprendente e innovadora ferramenta, serán o pretexto ideal para traballar unha serie de contidos sobre historia da arte e da museoloxía dunha forma amena e divertida, e nunha contorna próxima e atractiva.
Unha vez rematado o “percorrido virtual”, e como vén sendo habitual, os participantes realizarán un taller relacionado coa experiencia virtual, para o que se lles proporcionará unha maleta didáctica integrada por diversos xogos e actividades: un cómic onde se explica que é un museo e que cousas se fan nel, un folleto con pasatempos (fichas para colorear, sopa de letras, debuxo de puntos e un labirinto), unha unidade didáctica sobre os xéneros artísticos presentes no museo (retrato, paisaxe, pintura mitolóxica e pintura relixiosa), un quebracabezas dunha obra da colección permanente (A Coruña 1900 de Urbano Lugrís) e unha caixa con lapis de cores.