Xa se pode visitar a exposición IDENTIDADES, AS ARTES PARA A INCLUSIÓN SOCIAL, que permanecerá aberta ao público no Museo de Belas Artes da Coruña ata o 4 de febreiro de 2024
Na mostra recóllese unha selección dos traballos realizados ao logo dos sete obradorios que desenvolvéronse entre o 10 de novembro e o 14 de decembro, no marco deste proxecto de inclusión promovido pola Asociación de Amigos do Museo e o Museo de Belas Artes, e co patrocinio da Deputación Provincial da Coruña
Destinado a colectivos en situación de vulnerabilidade por atoparse desprazados dos seus lugares de orixe (xa sexa por razóns políticas ou económicas), por ser vítimas de malos tratos ou violencia de xénero, ou por verse en situación de dificultade ou illamento social, o proxecto pretende facer unha reflexión e tomar conciencia das raíces e da identidade propia en todas as súas variantes: cultural, xeográfica, emocional e persoal, tanto individual como colectiva.
O programa consiste na realización dunha serie de obradoiros de artes plásticas impartidos por artistas da cidade, nos que traballan diferentes técnicas (debuxo, escultura, colaxe, gravado, pintura, etc) e xéneros artísticos para representar diversas formas de asumir a identidade persoal: xa sexa a través da súa imaxe e a do seu grupo (o autorretrato, tanto individual como colectivo), da súa contorna e do seu espazo (a paisaxe e os interiores) dos seu obxectos emotivos ou simbólicos (o bodegón), dos episodios do seu pasado e presente (o relato e a ilustración) e das emocións que todos estes elementos lles provocan (a abstracción e o uso expresivo dos trazos e as cores).
Historias do cotián. Ecodesarrollo Gaia. Vero Novoa. Colaxe e bordado
Paisaxe interior. Centro Ocupacional Pascual Veiga. Julia Abalde. Acuarela líquida e pastel
Mapa e territorio. Amigonianos. Tatiana Medal. Técnica mixta
O autorretrato. Cruz Vermella. Programas Muller en risco e Migrantes. Faura Balsa. Modelado de barro
O obxecto identitario. Fundación Juan Soñador. Mico Rabuñal. Taia de poliespan
Vestir a identidade. Hogar de Santa Lucía. Iria do Castelo. Linogravado
O espazo privado. ACCEM. Lara Pintos. Acrílico sobre táboa
Co patrocinio de: