A Asociación de Amigos do Museo de Belas Artes da Coruña asinou un convenio coa Fundación EMALCSA, enmarcado nun programa de subvencións denominada Cultura Inclusiva, proxecto deseñado para favorecer unha cultura accesible e inclusiva na cidade da Coruña, e dirixido especialmente ás persoas e colectivos que poidan sufrir discriminación ou dificultade para a súa plena integración social por razón de idade, déficit de formación, diversidade funcional, etc., facilitando así a súa accesibilidade aos espazos e actividades culturais, e fomentando a súa participación na creación artística.
Neste contexto, e baixo a supervisión e o aval do Museo de Belas Artes, queremos ofrecer a os citados colectivos a posibilidade de coñecer a colección de arte do Museo, sen ter que desprazarse ata o mesmo. Con ese fin, e baixo o lema Un Museo en movemento, deseñamos unhas visitas-taller para desenvolver nos distintos centros ou locáis sociáis, onde os membros ou usuarios realizarían un achegamento a unha selección de obras de arte, a través de dúas fases de traballo:
- Proxección dun itinerario virtual a través da colección, apoiado polas explicacións dun especialista en historia da arte
- Obradoiro sinxelo relacionado cos contidos expostos, que reforzará a explicación á vez que fomentará o exercicio das súas aptitudes creativas.
Duración: Hora e media como máximo
Equipo de traballo: Un historiador da arte, unha educadora social e unha monitora do taller.
Infraestrutura e materiais necesarios: Todos os equipos e instrumental necesario será aportado desde a organización, necesitando unicamente que nos proporcionen unha sala con mesas de traballo e un acceso próximo de auga, así como unha parede na que proxectar a presentación.
Datas: Desde o 28 de febreiro ao 30 de xuño de 2017, de martes a venres, en horario de mañá ou tarde, segundo as necesidades da entidade solicitante.
Actividade de carácter gratuito
Par recibir información ao respecto, poden chamar ao teléfono 881 881 700 ou no e-mail: amigosmbac@gmail.com, e solicitar día e hora. Uns días antes da visita, o coordinador porase en contacto con vostede para concretar os termos da mesma e adecualos ao perfil do usuario.