Desde o Museo de Belas Artes da Coruña e a súa a Asociación de Amigos queremos seguir ofrecéndolles, por sexto ano consecutivo, a nosa actividade Un Museo en Movemento, proxecto educativo dirixido a colectivos de diversidade funcional e/ou en risco de exclusión, incluído no programa Cultura Accesible e Inclusiva que promove a Fundación Emalcsa e patrocina o Concello da Coruña coa colaboración de Fundación María José Jove e Vegalsa.
Ante a boa acollida que recibiu a experiencia desenvolvida o ano pasado, na que facíamos un percorrido inmersivo polo interior do museo con axuda dun vídeo 360º e unha lentes VR Standalone Oculus Quest, temos creado novos contidos para unha nova visita virtual, que nesta ocasión será tamén interactiva e terá como protagonistas ás obras da exposición permanente do museo,
A nova experiencia, titulada “Os segredos que esconden as obras do Museo”, explicaranos, dunha forma amena e sinxela, os cambios experimentados polas obras de arte ao longo dos séculos, así como os aspectos sociais e culturais que motivaron devanditos cambios. Para iso seleccionáronse catro salas do museo e unha ducia de obras, que se “percorrerán” virtualmente acompañados polas explicacións dunha educadora que compartirá o espazo virtual cos participantes, grazas á experiencia multixogador. Ao finalizar o percorrido virtual, realizarase un taller de pintura, tamén virtual, e as obras que resulten del serán expostas no Museo durante os meses de verán.