A Asociación de Amigos do Museo de Belas Artes da Coruña convoca unha bolsa de formación no Departamento Didáctico do Museo de Belas Artes da Coruña, no marco dunha subvención co Concello da Coruña. O obxectivo é o coñecemento e a posta en práctica dalgúns dos labores propios do departamento de educación do museo, o que inclúe a realización de visitas guiadas a centros escolares e asociacións, a participación na elaboración dos materiais didácticos e os modelos de visitas axeitadas aos diferentes niveis educativos, así como a colaboración no desenvolvemento de obradoiros e outras actividades organizadas polo mesmo.
A actividade, que deberá levarse a cabo nas dependencias do museo, contará co asesoramento dos titores nomeados pola Asociación de Amigos, unha vez elixidos entre o persoal técnico do centro
A bolsa poderase renovar ata un máximo de un ano.
A concesión da bolsa no suporá ningún tipo de relación xurídico-laboral ou profesional entre a Asociación de Amigos do Museo, o Museo de Belas Artes ou a Administración á que este pertence e o/a beneficiario/a da mesma, nin outorgará a este/a ningún dereito laboral ou profesional máis aló do alcance da bolsa.
Requisitos:
– Ter obtida a licenciatura en Historia, Historia da Arte, Belas Artes, Museoloxía ou Humanidades, despois de 2020 (incluído). A estes efectos entenderase como data de obtención da licenciatura correspondente, a que conste no título académico ou resgardo acreditativo.
– Estar a disposición para o desfrute da bolsa en exclusividade, e non percibir outra bolsa ou contrato remunerado durante o período de duración da mesma.
Valorarase:
– Expediente académico
– Cursos de xestión de Patrimonio, Museoloxía e Acción cultural de museos, organizados exclusivamente por organismos públicos, universidades ou asociacións profesionais de museos
– Presentación de comunicacións e/ou relatorios en congresos e cursos de Museoloxía
– Publicacións relacionadas con Museoloxía, Patrimonio e Historia da Arte
– Ter desfrutado doutras bolsas ou ter desenvolta algunha actividade no ámbito da educación e a acción cultural en museos
– Capacidade de relación, iniciativa e traballo en equipo.
Duración: 9 meses incluídos no intervalo de tempo transcurso entre outubro de 2024 e xuño de 2025, e cunha dedicación de 20 horas semanais, distribuídas de martes a venres, en horario de mañá ou tarde, segundo o criterio establecido polos titores
Rematado o período da bolsa, a relación entre a Asociación de Amigos do Museo, o Museo de Belas Artes ou a Administración que o xestiona (Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia) e o/a beneficiario/a da mesma quedará extinguida sen que se devengue un dereito laboral a favor deste/a. A relación entre as partes durante a beca é, en todo caso, non profesional e non laboral.
Dotación económica: O importe será de 5.760,00 brutos
Documentación: Os interesados deberán presentar na sede da Asociación de Amigos (MUSEO DE BELAS ARTES C/ Zalaeta, 2 15002 A CORUÑA) ata o 20 de setembro de 2024 (incluído) a seguinte documentación:
– curriculum actualizado e fotocopia dos méritos alegados
– fotocopia do DNI
– declaración expresa de non ter emprego remunerado nin gozar doutra bolsa ou axuda, calquera que fose esta, ou, no caso de o ter, un compromiso expreso de renunciar a el con anterioridade ao momento no que se outorguen as bolsas
Selección: A selección levarase a cabo mediante comisión de avaliación integrada por persoal do Museo de Belas Artes e membros da Xunta Directiva da Asociación de Amigos. O resultado da mesma estará a disposición dos aspirantes na sede da asociación a partir do 30 de setembro de 2024.