Un ano máis, e despois do éxito obtido en 2017, a Asociación de Amigos do Museo de Belas Artes da Coruña asinamos un novo convenio coa Fundación EMALCSA, enmarcado nun programa de subvencións denominada Cultura Inclusiva, deseñado para favorecer unha cultura accesible e inclusiva na cidade da Coruña, e dirixido especialmente ás persoas e colectivos que poidan sufrir discriminación ou dificultade para a súa plena integración social por razón de idade, déficit de formación, diversidade funcional, etc.
Nesta nova edición de Un Museo en movemento temos deseñadas diferentes e interesantes actividades para dar a coñecer a colección de arte do Museo. Baixo o lema As texturas na arte, a nova proposta didáctica levaranse a cabo ao longo de dúas xornadas, escollidas en semanas consecutivas, buscando así unha maior presencia do museo no seu centro, un enriquecemento dos contidos expostos e unha mellora das didácticas:
- 1ª sesión: por medio de actividades e un pequeno coloquio, iremos descubrindo a historia e as curiosidades que encerran os materiais representados (e usados) nalgunhas obras do Museo: madeira, pedra, etc.
- 2ª sesión: realizaremos un taller vinculado con todo aquilo que vimos durante a primeira actividade, co fin de que os usuarios interactúen, estimulando os seus sentidos, o seus recordos e a súa creatividade.