Ata o vindeiro 2 de febreiro, poderase visitar no Museo de Belas Artes da Coruña a exposición dos traballos realizados na presente edición do proxecto Identidades, as artes para a inclusión social.
Identidades é un proxecto socio-cultural do Museo de Belas Artes da Coruña e a Asociación de Amigos, co patrocinio da Deputación Provincial da Coruña, que utiliza a arte como vía para reflexionar e afondar no tema da identidade, as raíces culturais e a identificación co entorno, e que está dirixido a colectivos vulnerables por atoparse desprazados dos seus lugares de orixe, xa sexa por razóns políticas ou económicas, por ser vítimas de malos tratos e violencia de xénero, ou por verse en situación de dificultade ou illamento social.
A actividade consiste na realización dunha serie de obradoiros impartidos por artistas da cidade, que traballan coas entidades sociais ao redor de diferentes xéneros artísticos, utilizando todo un abano de técnicas e estilos.
Estes son os colectivos e os artistas participantes na presente edición:
Identidade en pictogramas. Amigonianos. Héctor Francesch. Colaxe en cartolina de cores
Historias do cotián. CIS Carmela Arias y Díaz de Rábago. Lara Pintos. Acrílico sobre táboa
Identidades cruzadas. Centro Penitenciario de Teixeiro. Óscar Cabana. Lapis e carboncillo sobre papel
Tiras de peregrinación. Cruz Vermella. Programas Migrantes e Empezar de 0. Luisa Valdés. Mixta sobre papel
A paisaxe identitaria. Fundación Juan Soñador. Johnny Kashanna. Acrílico sobre táboa
Retratos como animais. Hogar de Santa Lucía. Bea Lema. Patchwork
A identidade das palabras. Accem. Tatiana Medal. Acrílico sobre papel
O autorretrato. Hogar de Sor Eusebia. Faura Balsa. Barro
O obxecto identitario. Ecodesarrollo Gaia. Mico Rabuñal. Porexpan policromado
O meu bodegón. Centro Ocupacional Pascual Veiga. Ali Ali, acrílico sobre táboa
A identidade nas túas mans. Fundación Érguete. Gosia Trebacz. Lapis e carboncillo sobre papel
Facer xoias dos obxectos. Cruz Vermella. Programa Muller en risco. Odile Cano. Cobre








